Fran Alonso
(Procedencia)
Vén do poema da páxina 74 de Transición (Ed. Franouren, 2011)
Declive con evidencias
A poesía é unha arma
cagada de futuro.
Fuches tu, fuches tu,
o que a fuches cagar ao palleiro;
fuches tu, fuches tu,
que aínda levas os versos no cu.
Banda sonora ♦♦
A Poesía morreu, longa vida á Poesía.
LAWRENCE FERLINGHETTI
Excelencia
A poesía é un xénero
tan sublime
que non atopa lectores
para tanta grandeza.
♦♦
A ironia ensina a sabotar uma frase
GONÇALO M. TAVARES
Incógnita
Era poeta pero non sabía explicar
os seus libros.
Ninguén soubo se carecía
de discurso ou consideraba que a non debe recrearse
nas miudezas do mundano.
Motivos
Escribo poemas por pracer.
Escribo poemas con pracer.
Escribo poemas por compracer
a un dos que tamén
son
eu.
Soy un escritor deleznable
pienso en la literatura
soy un pequeño burgués
las directivas
no puedo obedecerSAÚL YURKIEVICH
Cometidos
Para que serve a poesía,
pregúntame erguendo a man
no aire con decisión
entre os demais adolescentes.
Calo durante uns instantes,
contrariado e dubitativo.
É a pregunta máis estúpida
de todas cantas me fixeron.
–Para que ti poidas preguntarmo
e eu teña
que pensalo–,
respóndolle sentindo
ese alivio
que produce
unha mexada urxente.
A poesía…
Poeta: problemas de
eneurese cos versos?
Chama ao 601.666.999
Poeta baleiro
A verdadeira poesía é
aquela que fala dos ,
dixo sentíndose auténtico.
E, coas súas palabras,
baleiroume
de contidos.
(Diagnóstico: incapacidade sensitiva permanente)
Identidade
A poesía,
pero que é a poesía.
Máis dunha insegura resposta
deuse a esa pregunta.
E eu non sei, e sigo sen saber, e a isto me agarro
coma a un oportuno pasamáns.
W. SZYMBORSKA
?
♦♦
Poeta en paro ofrécese para escribir versos.
Apetencia
Non me apetece escribir
os versos máis serios esta noite;
escribir, por exemplo,
a poesía anda perplexa e
cabalga o desconcerto
no trazo da túa/miña man.
Só quero escribir
de nada.
Iso é todo.
Non me apetece, é certo,
pero talvez os escriba.
Aínda que se poña tan rimbombante
a poesía e tan enorme o baleiro
que a miña alma se contente
con saber que escribo.