Poétic@, aventura e corrosión
Pode suceder que no medio camiño da nosa vida (ese mesmo que citaba Dante tempiño atrás) emerxan cambios aos que lles intuímos unha xigantesca carga de profundidade. A aparición da sociedade dixital e da rede é un deses cambios. A súa envergadura pódenos crear perplexidade, entusiasmo ou rexeitamento, pero que condiciona indeludiblemente o tempo en que vivimos. Eu síntome afortunado por poder asistir ao comezo dun deses cambios. Nel, non vexo máis que retos apaixonantes. Queirámolo ou non, o futuro do libro está determinado polos novos paradigmas dixitais. Xa que logo, como teño manifestado noutras ocasións, é preferible asumir e mesmo protagonizar os cambios antes de que eles te arrastren e só saibas agarrarte ao furgón de cola para sobrevivir. Non teño ningunha dúbida de que a nova sociedade dixital vai condicionar os procesos creativos en todos os ámbitos da arte, pero moi singularmente no relacionado coa escrita e coa lectura. En consecuencia, Poétic@ é a miña persoal aposta literaria neste proceso. Viaxan comigo moitas dúbidas, imperfeccións, incoherencias, dificultades e descoñecementos pero, en todo caso, aí vai. Eu (tamén) navegar.
En canto ao seu proceso creativo Poétic@ é un libro de longo percorrido. Para moitos escritores e escritoras, o tempo é fundamental. Se cadra, porque a escrita é unha carreira contrarreloxo para evitar a disolución que o propio tempo exerce sobre a creación literaria. E tamén porque marca unha liña evolutiva. Na creación literaria, o tempo marca etapas. Pero os tempos, na creación literaria, tamén son profundamente enganosos. Porque hai obras que responden a impulsos diversos en momentos diversos. A Poetic@ sucédelle algo diso. En realidade, o poemario foi escrito durante os anos 2008, 2009 e 2010. Tiña a vocación de provocar a reflexión e o debate, desde unha perspectiva desprexuizada e ao tempo metaliteraria, en torno á poesía, cunha mirada irónica, flexible, desmitificadora, lúdica e corrosiva. E facíao desde unha estrutura que se alimentaba de múltiples fontes e se inspiraba ineludiblemente en Internet. Era, naqueles anos, un poemario pensado en función da rede –a súa estrutura é exactamente a mesma que conserva hoxe– pero coa intención de ser publicado en papel. Mesmo aínda que daquela xa ofrecese no papel múltiples enlaces á rede.