Non é que naquel momento eu non quixese apostar por unha edición dixital –que nunca deixei de telo en mente–, senón que non vía posibilidades técnicas ao meu alcance para facelo. A maiores, cando rematei Poétic@, tiña outro poemario rematado. Era Transición, cunha escrita ligada a unha etapa anterior (aínda que con algunha chiscadela a este poemario). E debido a esas manías que temos os creadores de marcar terreo coa mexada, como fan os cans –é dicir, de deixar patente unha liña evolutiva–, decidín que Poétic@ debía saír logo de Transición. Ata que ese poemario se publicou, a finais de 2011, volvín constantemente sobre Poétic@, nun proceso de reescrita permanente, coma se fose un desafío ao tempo.
Concibido grazas e á rede e en función dela, con todo, o libro –xa o dixen– estaba abocado ao papel. A ese enfoque responde o poema «O meu hipertexto afogou no papel», que agora podería parecer obsoleto pero que pode lerse como un espello das inquedanzas dunha xeración consciente de que está a presenciar os albores dun proceso histórico de cambio no paradigma do libro que vai afectar –e moito– ao proceso creativo do futuro. Tamén había no libro un contraditorio e irónico xogo de enlaces (imposibles?) entre a pantalla e o papel. Efectivamente, Poétic@ (con ese mesmo título desde o comezo), naceu inicialmente pensado para o papel, pero en cada nova lectura ía adquirindo na miña cabeza unha fasquía tanxible que me levou a apostar pola edición dixital. Naquel momento, o poemario nu, sen recursos pero coa mesma estrutura e concepción, centraba toda a súa forza no inusitado do seus contidos, interrelacionados, e nese sarcasmo corrosivo que o define.
O feito de que cada vez fose quen de visualizalo máis e máis dixital, levoume a ofrecerllo a unha editora que apostaba por esa vía e que, para a miña fortuna, o acolleu con agrado. Sexa como for, todo estaba por explorar, mesmo para a editora, porque –que eu saiba– practicamente nada se publicara –cando menos no ámbito da nosa cultura– con esta fasquía. Ese feito do inexplorado ofreceume tempo abondo de pensar e repensar o poemario, volvendo sobre el de xeito incansable –e mesmo esgotador– ao longo dos últimos anos.