Ata que chegou un momento en que me convencín a min mesmo de que un proxecto destas características tiña que estar totalmente pilotado e controlado por min. Eu tiña que poder traballar, modificar e actualizar o poemario en calquera momento, moi especialmente sabendo que se trataba dunha experiencia pioneira, cando menos desde o punto de vista persoal. En consecuencia, falei coa persoa que ía ser o meu editor –á que debo agradecerlle a súa comprensión– e expúxenlle a necesidade que eu vía de apostar pola autoedición. Por outra banda, para calquera editora este proxecto significaba uns custes de produción altos e dificilmente amortizables. É o problema dun modelo de edición non definido no seu proceso de explotación comercial.
Xa que logo, regresei ao campo da autoedición para tomar eu mesmo todas as rendas, como fixera co meu primeiro libro de poemas (Persianas, pedramol e outros nervios, 1992). Iso si, agora tiña diante de min necesidades ben diferentes. Porque, mentres este tipo de procesos de edición non se popularicen para facilitar o uso cotián, os creadores e creadoras temos que ter algo de tecnólogos. E, amais, debemos botar man de persoas que saiban programar e deseñar. E aquí chegado, debo agradecerlle a Kris Darias e ao seu Estudi Llimona o seu traballo e a súa aposta por este proxecto.
Arestora, Poétic@ é ineludiblemente dixital e debo confesar que a busca e asociación de recursos –aínda que laborioso– foi un traballo tan creativo e gratificante como o propio proceso de escrita, que fun renovando e actualizando día a día. Nese sentido, é un libro novidoso para a literatura galega. E, ademais, un libro vivo, cambiante, que podo actualizar cando a vontade mo dite. Pero tamén debo confesar que a edición dixital me obrigou a mudar a forma de concebir o texto, modificándoo e flexibilizándoo.
Por exemplo, unha das características da versión anterior de Poétic@ é que moitos poemas carecían de título. A necesidade de habilitar unha url diferenciada para cada poema obrigoume a titular todos e cada un dos poemas.