Sobre o autor

Fran Alonso por Manuel G Vicente 1FRAN ALONSO (Vigo, 1963), escritor, editor e xornalista, é autor dunha ampla obra literaria que abrangue varios xéneros e que mereceu o recoñecemento da crítica e público. Toda a súa obra literaria se caracteriza por un desexo de renovación formal e un posicionamento rebelde e inconformista, que lle confiren grande solidez e unidade, sexa cal sexa o xénero empregado. O seu labor creativo tamén abrangue a ilustración de dous dos seus libros infantís a través do deseño con tipografías ou fotografía. Publicou arredor de 30 libros que recibiron distintos premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria do ano, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro infantil, a distinción White Ravens, ou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, entre outros. Os seus libros traducíronse a diversas linguas.

Xunto con Paco Souto e Miro Villar foi cofundador de Edicións do Dragón, que publicaba carpetas de poesía como A rota dos baleeiros (1991), onde están algúns dos seus primeiros poemas. Durante os anos 90 dirixiu a colección de poesía Ablativo Absoluto (Xerais).

O seu primeiro libro de poemas, Persianas, pedramol e outros nervios (1992), foi un dos pioneros en suscitar o debate poético da década dos 90 en Galicia. Logo, como poeta, publicou Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997); Subversións (2002); Balada solitaria (2004); O meu gato é un poeta (2011), que se prolonga nunha web e nun CD no que recita acompañado do músico Xurxo Souto; Transición (2011), poemario que contén un CD no que recita acompañado de María Lado; e Poétic@ (2014), un libro dixital de poesía transmedia.

Realiza diversos espectáculos poéticos; o máis coñecido, dirixido ao público infantil e xuvenil, é «A poesía é un globo». Tamén é autor, para os mesmos destinatarios, da recoñecida antoloxía Poetízate (2006), da que se fixeron xa 12 edicións. Así mesmo, escribiu a biografía dos poetas María Mariño e Uxío Novoneyra. Por encargo gravou, xunto coa poeta María Lado, o CD «Poetas galegos», recitando para a revista americana Metamorphoses, da Universidade de Massachusetts (2014). Ademais, a súa poesía, canda a de Kiko Neves, centra o docuemental Os ollos da cidade, de Lara Bacelos.

Como escritor a súa obra abrangue, ademais, o ámbito do xornalismo (Territorio ocupado, Un país a medio facer, A voz que vén da seitura, Contesta ou disparo), da narrativa (con títulos como Tráiler, Cemiterio de elefantes, Males de cabeza ou Ninguén) da literatura infantil e xuvenil (O brillo dos elefantes, Cartas de amor, A punta de pistola ou Silencio) e do álbum ilustrado (A casa da duna, A araña e mais eu). O seu blog Cabrafanada é dos máis antigos que se crearon en Galicia.

 

Más información en http://www.franalonso.gal e en Xerais.

 

 

  1 comentario para “Sobre o autor

Comments are closed.

Este sitio web emprega cookies para teres unha mellor experiencia de usuario. De continuares navegando dás o teu consentimento para aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies