Blog Archives

Tradición literaria

Co frío pónseme
pequena
e engrullada,
encollidiña, moldeable e amorosa
coma unha miñoca ante a morte.
Nesa posición, indefensa,
gústame acariciala,
sentir o seu tacto,
as súas cartilaxes xelatinosas
abeiradas entre as mans
até que, pouco a pouco,
coa calor do sangue,
recobra a forza indomesticable
e aburrida
que a predispón
para o sexo.
Para o verso.

Louvre_Paris

A salvo

Non temos lector@s e por iso
estamos a salvo das tentacións do mundo.
Pechade, por favor, as portas
da poesía.
Que non nos vexan os inimigos.
Na liña do horizonte somos
un diminuto punto
invisible
de silencio.
Somos un ourizo
que sabe protexerse.
O cambio climático poderá
destruír o mundo, pero
@s poetas sempre
estamos a salvo.
Sobrevivimos.
Sobrevivimos

S
o
b
e
v
v
i
m
o
s

Perdurabilidade

Se escribise un poema
no tempo
en que é capaz de resistir
unha mosca
debaixo da auga,
a miña obra
tería a resistencia do cosmos
pero entraría na categoría
das cousas molestas.

Apetencia

Non me apetece escribir
os versos máis serios esta noite;
escribir, por exemplo,
a poesía anda perplexa e
cabalga o desconcerto
no trazo da túa/miña man.
Só quero escribir
de nada.
Iso é todo.
Non me apetece, é certo,
pero talvez os escriba.
Aínda que se poña tan rimbombante
a poesía e tan enorme o baleiro
que a miña alma se contente
con saber que escribo.

A P. N., claro

Madureza

Verde que te quero verde
FEDERICO GARCÍA LORCA

Noto
que a madureza
enche
os meus poemas
co pouso
resabido,
escéptico
e acedo
da retranca e
con todo
preferiría
a insultante
inconsciencia
do poema
aínda verde.

Fracaso

Onde ole a merda, ole a existencia
ANTONIN ARTAUD

Cando non me saen
os poemas
lembro
os momentos
en que estou
estrinxido.
Por máis forza
que faga
só consigo
que asome un delicado
fío de merda.

-:-)

Sortes

O poema caeu
nun pozo.
Cos versos fixeron fuá.
Arremoto piti poto
Arremoto piti pa
a salvo
quero estar.

♦♦

 

Hipocrisía

A poesía agacha
no seu sangue
a palabra hipócrita
dos curas pederastas;
é vella, burlona,
barriguda
e está corrupta
desde
o primeiro
ata o
último
verso
de deus e do carallo.

http://franalonso.blogspot.com.es/2014/01/a-xeito-de-poema-pornografico.html

Pero que son os poetas?
Coñezo xente que escribe versos e recita versos
e se chaman poetas,
pero eu na vida escribín senón sangue,
nin recitei nada
que antes non se untase en cuspe
ANTÓN LOPO

Hai poetas que escriben un día

Un poeta escribe debuxando malabarismos ao longo dunha liña recta trazada no aire.

Outro poeta escribe brincando dun lado a outro da mesma liña recta e na mesma dirección pero tentando non tocala.

Abaixo, o cemento.

Este sitio web emprega cookies para teres unha mellor experiencia de usuario. De continuares navegando dás o teu consentimento para aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies