Sobre o libro

Poétic@ é un libro de literatura electrónica. Aborda a poesía dixital e transmedia, explorando as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías na creación literaria a través dun discurso ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos.

Este libro supera o concepto tradicional de poema para acomodarse no máis acaído de «instalación poética» e constrúese botando man de distintas linguaxes contemporáneas que comparten un espírito lúdico e provocador, contraditorio, que confunde, experimenta, investiga e dá lugar a un poemario diferente, multifocal e polidiscursivo, fragmentario, irónico, no que as propias citas doutros/as creadores/as se incorporan ao texto formando parte indisociable de cada instalación poética.

Poétic@ dótase, a través da web, de formas comunicativas mestizas, de carácter interno ou externo, que se funden co texto para tecer unha estrutura con fasquía de arañeira. Nela, os seus múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do eslógan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa.

Recoñecendo as dificultades da sociedade actual para distinguir entre o banal e o transcendente, desde un sentido do humor irónico e transgresor, Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías.

 

Este sitio web emprega cookies para teres unha mellor experiencia de usuario. De continuares navegando dás o teu consentimento para aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies