Tamén o proceso de maquetación web me fixo mudar a traza ou a disposición de moitos versos , dalgúns dos eslógans ou das múltiples citas que, dialogando no texto, circulan polas súas páxinas, así como buscar opcións de retorno nos enlaces de navegación. E, por suposto, a agudizar ata o límite os contrastes e acoplamentos entre os distintos discursos textuais, de audio, de vídeo e de calquera outro tipo de fontes de procedencia multimedia. Porque, en realidade, moitos elementos propiamente transmedia poden modificar profundamente o sentido do texto, que adquire novos significados. A dicir verdade, estou abraiado por comprobar ata que punto este último ano –no que traballei case exclusivamente online– condicionou a miña escrita, a miña visión do poemario e a miña forma de concibir o texto.
En fin, puiden sentir na miña propia pel que, para ben ou para mal, crear desde o ámbito dixital introduce xeitos e condicionantes diferentes á hora de encarar a creación. E foi todo un pracer.
Agradecementos (e desculpas)
A Helena González, boa amiga que sempre está aí, ao outro lado do fío telefónico; A María Beatriz Eiroa, que revisou con moita paciencia a miña tradución de Poétic@ ao castelán; a Fátima Isabel Figueiras Ramos, pola súa atenta revisión da tradución ao portugués; a Ramón Nicolás, pola súa axuda xenerosa; a Manuel G. Vicente, autor da fotografía da portada; a Gabbi, que me prestou a súa voz americana; a Xela, que me substituíu coa súa voz no poema «Sortes»; a Lara Bacelo, por permitirme individualizar (pesimamente, mea culpa) un fragmento da vídeocreación Ollos da cidade; e moi especialmente a Kris Darias e o Estudi Llimona, deseño e soporte técnico de Poétic@. Vaia tamén o meu agradecemento para as persoas que participaron nas gravacións que, aínda procedendo doutros libros, forman parte de Poétic@, coas voces de María Lado, de Alma, a música de Xurxo Souto e o apoio do estudo de gravación Casa de Tolos.
Tamén aproveito para pedir desculpas pola publicidade que aparece nos vídeos enlazados de Youtube, publicidade que é allea completamente á miña vontade e que é responsabilidade da compañía que aloxa os vídeos.